O Concello de Zas vén de preparar a través da súa área de Cultura un completo programa de ocio e tempo libre cargado de actividades culturais e deportivas para diferentes públicos e idades que se realizarán ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro en distintas localizacións do noso municipio. Debullámolas todas a continuación:
Campamentos e outras actividades infantís
Coma sempre, os máis novos son un dos públicos protagonistas desta programación e para eles temos preparadas unha gran cantidade de actividades:
- Festa Infantil: o 1 de xullo á tarde celebramos nas inmediacións do campo de fútbol e da piscina municipal de Zas a tradicional festa infantil na que haberá inchables, tobogáns acuáticos, festa da escuma,… Esta é unha actividade gratuita dirixida a nenos e nenas de todas as idades do noso municipio
- Campamentos de verán nas Torres do Allo: este luns empezan as diferentes quendas dos campamentos de verán que realizaremos nas Torres do Allo nas que foi necesario ampliar o número de participantes por quenda debido á alta demanda
- DéporCampus: do 17 ao 21 xullo volve ao Campo Municipal Platas Reinoso de Baio unha nova edición do DéporCampus dirixida á rapazada de entre 6 e 14 anos
- Excursión ao Aquapark de Cerceda: o 21 de agosto viaxeremos ata o Aquapark de Cerceda. Poderán ir todos e todas os/as nacidos/as entre o 2005 e o 2014
- Campamento no camping Os Fieitás en O Grove: os días 23, 24 e 25 de agosto participaremos nun campamento no que realizaremos diferentes actividades acuáticas e de aventura no medio natural, escalada, tirolina, bodyboard,… Nel pode participar os/as nacidos/as entre o 2008 e o 2014 e ten un custo de 75€ para os empadroados e de 150€ para os non empadroados. As inscricións rematan o 7 de xullo
Visitas guiadas e teatralizadas
- Visitas guiadas ao Brandomil Romano: todos os venres do mes de xullo faremos unha visita guiada á ponte vella de Brandomil e ao xacemento romano. Será ás 12:00 horas e para participar é necesario anotarse previamente no 981 751 398 ou no 981 718 056
- Torres do Allo: Os domingos de xullo, agosto e o 3 e 10 de setembro ás 19:30 horas teremos unha visita teatralizada nas Torres do Allo que vén da man de Os Quinquilláns
Deportes
- Cursos de natación para todas as idades nas piscinas municipais de Zas e de Baio
- Trail Nocturno Cova do Lobo: sábado, 19 de agosto, a partir das 20:00 horas con distintas probas: pequetrail, trail e andaina
- Campamentos Multideportes: nos que os participantes realizarán diferentes actividades deportivas e que están dirixidos aos nacidos e nacidas entre o 2010 e o 2017. Haberá dúas quendas; unha do 3 ao 7 de xullo no polideportivo de Baio, e outra do 10 ao 14 de xullo no polideportivo de Zas
Teatro
- Clausura da Escola Municipal de Teatro de Adultos: O venres 7 de xullo ás 21:30 horas o Auditorio de Baio acolle a clausura da Escola Municipal de Teatro de Adultos
- “A gárgala no rural. Un mundo de música, arte, teatro e tradición”: A Xanela do Maxín ofreceranos o sábado 8 de xullo ás 19:00 horas nas Torres do Allo este espectáculo
Música, contos e circo
- As Torres do Allo acollerán o 14 de xullo ás 20:00 horas un concerto musical ofrecido por Tania Caamaño e Andrés Boutureira dirixido ao público xeral e familiar
- Habela Hainas daranos o 22 de xullo ás 22:00 horas un concerto na contorna da Ponte de Brandomil
- “Malabarabilidades” é o nome do espectáculo de circo que nos ofrecerá Fran Boza o 5 de agosto ás 20:00 horas en Fornelos
- O sábado 19 de agosto, ás 20:00 horas, María da Pontragha traeranos os seus contos ás Torres do Allo
- Caxoto ofreceranos un espectáculo de contos para o público familia o venres, 25 de agosto, ás 20:00 horas nas Torres do Allo
Máis actividades
- Scape Room nas Torres do Allo. Público adulto
- Con motivo da 38ª Festa da Carballeira de Zas celebraremos unha intensa Semana Cultural con actividades para todos os veciños e veciña
- Mercado de San Ramón: Como vén sendo habitual nos últimos anos, pecharemos a programación do verán co tradicional mercado de San Ramón que celebraremos o 31 de agosto nas Torres do Allo. Contaremos cun mercado de artesanía, obradoiros, sesión vermú con Ailá e música infantil da man de Paco Nogueiras