Xa está en marcha unha nova edición, e van sete, da Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose organizada polo Concello de Zas a través do seu departamento de Cultura. Unha das principais novidades deste ano é que se aumenta a cuantía dos premios a 3.900€ co fin de fomentar o teatro afeccionado así como o teatro feito en Galicia e en galego.
Na VII Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” poden participar todas aquelas compañías e/ou grupos galegas de teatro afeccionado. No Tablón de Anuncios da Sede Electrónica do Concello de Zas e ao final desta nova poderán consultarse as bases do certame, a documentación requerida así como descargar as fichas de inscrición. O prazo para anotarse xa está aberto sendo o 1 de abril a data límite para enviar a documentación.
Unha vez recibidas todas as solicitudes, un xurado formado por membros do Concello de Zas e do grupo de teatro Badius seleccionará as cinco obras finalistas que se representarán os días 20 e 27 de abril e 4, 11 e 18 de maio. As representacións comezarán entre as 20:00 e as 21:00 horas e repartiranse entre o Auditorio Municipal de Zas e o Auditorio Municipal de Baio. O día da entrega de premios será o 25 de maio nun acto que terá lugar a partir das 18:00 horas no Auditorio de Baio.
3.900€ en premios
Todas as obras finalistas terán premio. En total o Concello de Zas repartirá 3.900€ entre elas que se distribuirán da seguinte maneira:
- Premio á mellor obra elixida polo xurado: 900€, trofeo e diploma acreditativo
- Premio á segunda mellor obra elixida polo xurado: 700€, trofeo e diploma acreditativo
- Premio á terceira mellor obra elixida polo xurado: 700€, trofeo e diploma acreditativo
- Premio á cuarta mellor obra elixida polo xurado: 700€, trofeo e diploma acreditativo
- Premio á quinta mellor obra elixida polo xurado: 700€, trofeo e diploma acreditativo
- Premio á mellor obra elixida polo público: 200€, trofeo e diploma acreditativo
O mellor actor e a mellor actriz desta sétima edición da mostra tamén recibirán cadanseu trofeo e diploma acreditativo.
O Alcalde de Zas, Manuel Muíño, sinalou que a Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose “é un referente para o teatro amateur e que cada vez atrae a un maior número de grupos e compañías de toda a comunidade”.
Proposta de Bases e convocatoria da VII Mostra de Teatro afeccionado Labarta Pose