Baio preparase para o “Punto Rojo” que trae 1.400€ en premios, descontos, pinchos, animación e unha xornada canina

08/03/2024

O Concello de Zas xa está a preparar unha nova edición do “Punto Rojo”; unha campaña organizada e financiada polo Concello de Zas que ten como finalidade promocionar o comercio local e que se desenvolverá os días 23, 24 e 25 de agosto en Baio. 

Ao igual que nas pasadas edicións, case a totalidade de establecementos comerciais e hostaleiros da vila participan nesta campaña para ofrecernos unha variada ruta de tapas e importantes descontos nas tendas de textil e calzado. Ademáis ao longo destes tres días haberá diversas actividades complementarias como un tren turístico, postos de artesanía na rúa Bispo Romero Lema, animacións musicais e actividades para a rapazada (inchables, inchables de auga, xogos, pintacaras,…). 

Aqueles que se acheguen a vila tamén poden desfrutar dunha exposición fotográfica exposta nos locais que actualmente se atopan baleiros. A exposición está composta por fotos antigas da vila, cedidas por Alberto Villar López, e fotos actuais de parte do patrimonio cultural e natural do concello, autoría de Santi Garrido.

Novidades

Nesta edición contaremos con dúas novidades. A primeira é que aumentamos a cuantía dos premios e entre todas as compras realizadas nos establementos participantes sortearemos 1.400€ repartidos en vales de 200€.

A segunda das novidades desta edición do Punto Rojo é que celebraremos a I Xornada Canina do Concello de Zas na que haberá unha exposición canina para o campionato galego Alcelcre/Expogal e o 1º concurso local canino da Costa da Morte. Esta xornada realizarase ao longo da mañá do domingo, día 25, e todas aquelas persoas que o desexen poden participar co seu can anotándose previamente no Centro Sociocultural de Baio (981 718 056) ou a través do formulario https://bit.ly/concursocaninocostadamorte