As Torres do Allo acollen o vindeiro 16 de setembro a xornada “Presente e futuro do liño”

09/08/2023

 

As áreas de Turismo e Patrimonio da Deputación da Coruña, en colaboración co Concello de Zas, a Universidade da Coruña, e a Asociación Amigos do Liño, organizan a xornada “Presente e Futuro do Liño” que terá lugar o vindeiro 16 de setembro nos exteriores das Torres do Allo. A través desta xornada preténdese mostrar e valorizar todo o traballo que implica a creación dunha peza de liño artesanal que comprende desde a súa semente ata converterse nunha peza de vestir. E para iso estase a organizar un evento no que se misturan os coñecementos, música, un desfile, unha exposición e unha degustación.

Así o detallaron na presentación do evento que tivo lugar onte pola mañá nas Torres do Allo e na que interviron  Carmen Riveiro, da Asociación Amigos do Liño; o Vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; o Alcalde de Zas, Manuel Muíño; o deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Penas; e o vicedirector da Fundación de la USC, Braulio Pérez Astray.

Carmen Riveiro explicou que con estas xornadas douselle un novo formato á tradicional “comida da fía”, na que se incluíu unha parte divulgativa e que nesta edición (é o segundo ano que se celebra con este novo formato) haberá dúas conferencias; unha sobre “Moda e sostibilidade” e outra sobre “O liño na historia da arte”, que impartirán dous profesores da Universidade da Coruña. Grazas á implicación da Universidade da Coruña na organización destas xornadas, o liño será unha das temáticas que trate o alumando que se está a formar sobre a moda na universidade coruñesa.

Durante a xornada, que comeza ás 11:00 horas, haberá un desfile con diferentes pezas confecionadas en liño, un concerto ofrecido pola vimiancesa Tania Caamaño e a degustación dalgúns dos pratos típicos das tradicionais comidas da fía como o bacalao, empanadas, troita ou arroz con leite. Toda a xornada estará presentada por Jorge Mira. Xosé Luis Penas, deputado de Contratación e Patrimonio, destacou que todo o traballo que agocha o liño pódese converter nun “eixo de transformación social”. Mentras que Xosé Regueira, Vicepresidente e responsable de Turismo na Deputación da Coruña” destacou o peso que ten a artesanía dentro do turismo sostible”. Así mismo suliñou que é importante recuperar a artesanía dentro do sector da restauración con pezas de liño, encaixe e oleiría. Pola súa banda, o Alcalde de Zas, Manuel Muíño mostrou a súa satisfación por elixir as Torres do Allo para a celebración deste evento e que lle dá a oportunidade de descubrir os exteriores do pazo aos asistentes.

Inscricións

A xornda está aberta a todas aquelas persoas interesadas e para asistir é necesario anotarse previamente no Centro Sociocultural de Baio (981 718 056) ou a través do formulario https://bit.ly/xornadalino