Aprobados os orzamentos do 2024 que superan os 6.800.000 euros

05/06/2024

A Corporación Municipal aprobou no Pleno Extraordinario celebrado esta mañá os orzamentos do 2024 coa absetención do PP e do PSOE. Deste xeito o Concello de Zas dispón para este exercicio dun orzamento de 6.800.051,06€; o maior da historia e que medrou en máis dun 26% con respecto aos do 2022, que foron os últimos aprobados.

“Estes son uns orzamentos contidos nos que facemos un especial fincapé no gasto social”, sinala o Alcalde de Zas, Manuel Muíño. A este capítulo o Concello de Zas adica máis do 21% do orzamento total o que supón case 1.500.000€. Unha porcentaxe que segundo o rexedor “é superior ao que adican outros municipios da zona cun maior número de habitantes”.

Nos orzamentos para este ano destaca a reducción en gastos de persoal; un 16,63% menos que nos do ano 2022 e incrementouse notablemente o gasto en Inversións Reais que supoñen o 24,16% dos orzamentos e que se traducen en 1.643.227,19€.

No cadro que acompaña a esta nova detallamos os principais datos destes orzamentos para o 2024 deseñados polo equipo de goberno do BNG de Zas.