Agareso presenta este sábado en Zas o documental Lar

10/17/2023

O próximo sábado, 21 de outubro, a Asociación galega de Comunicación para o cambio social  – Agareso – presenta ás 20:00 horas no Auditorio de Zas o documental Lar; unha peza audiovisual de 35 minutos na que os protagonistas falan das súas propias vidas, pero tamén reflexionan sobre as diferencias entre medrar na cidade ou nunha aldea, o despoboamento rural, os cambios xeracionais e moitas outras cousas.

Dado que a rodaxe se realizou nas localidades de Torés (Lugo); Baio (Zas) e no núcleo urbano de Zas, optouse por facer dúas estreas oficiais, unha na Casa da Cultura de Becerreá o próximo venres, 20 de outubro, ás 18:00 horas; e outra no Auditorio do Concello de Zas, o próximo sábado, ás 20:00 horas.

A entrada a proxección é libre ata completar aforo, e nela estarán presentes os protagonistas do documental. Eles son:

  • Hadrián Otero e Ovidio Otero (Zas). Hadrián ten 17 anos e estuda 2º de Bacharelato no IES Maximino Romero de Lema, e o seu avó Ovidio ten 83 e pasa o tempo con labores do campo. Ambos viviron sempre xuntos, na mesma casa de Zas. Comparten moitas cousas, entre elas, o gusto por conservar fotografías e historias antigas.
  • Claudia Lema e Balbina Rial (Baio). Claudia ten 16 anos e actualmente cursa 1º de bacharelato no IES Maximino Romero de Lema, en Baio. A súa avoa Balbina ten 67 e vai a multitude de actividades durante todo o día. Ambas comparten o gusto polas redes sociais e a praia.

  • Laura Núñez e José Núñez (Torés, As Nogais). Laura ten 15 anos e cursa 4º ESO no IES de Becerreá. Vive na casa familiar onde medrou o seu avó José, que ten 91. Aos dous gústalle moito a festa, pasan moito tempo xuntos vendo programas de televisión e él é o encargado de recollela todos os días no instituto.

 

page2image55070784 page2image55069744 page2image55079728

Despois das estreas oficiais, Lar percorrerá os institutos dos concellos onde se gravou, para así chegar a máis público mozo. O obxectivo deste documental é previr a discriminación por motivos de idade, facendo ver que os vínculos entre avós e avoas con netos e netas, pese as diferencias de idade, poden ser moi satisfactorios. Ademais, é unha maneira de reflexionar sobre como cambiou a vida só con dúas xeracións de diferencia, e tamén de evidenciar o xa sabido por todos, que o rural está quedando cada vez máis baleiro.

Todo isto, fíxose dende a perspectiva do positivo, con avós e netos que teñen relacións especiais e vínculos importantes. Lar é un documental amable e entrañable, onde se pretende que o espectador empatíce cos protagonistas, e se achegue máis aos seus queres queridos.

Esta é tamén unha homenaxe a todos os avós e avoas, aos que seguen estando e aos que xa non están pero recordamos día si e día tamén. Na seguinte ligazón podes ver o trailer do documental: https://www.youtube.com/watch?v=puRM1oKqVhc

Esta peza audiovisual está financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, dentro da convocatoria de axudas destinadas a realizar programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do IRPF.