O sábado 29 de outubro o Centro Sociocultural de Baio acollerá a xornada “As múltiples pegadas de Enrique Labarta Pose” na que participarán expertos en diferentes materias para analizar a vida e obra do escritor baiés.
Despois do acto inaugural, que terá lugar ás 10:00 horas, Xosé María Lema falará do contexto histórico da época de Enrique Labarta Pose e de como se refliecte a na súa obra os acontecementos políticos, sociais e económicos máis destacados. Seguindo coa obra de Labarta, Xosé María Rei Lema analizará súa faceta de poeta social. Tamén coñeceremos a pegada que deixou Labarta polas diferentes cidades nas que traballou centrándonos en Pontevedra. Para iso contaremos coa xornalista Mercedes Bará que falará do seu paso pola cidade. Pola súa banda, Ricardo García Mira encargarase de analizar a obra de Labarta Pose dende o punto de vista da psicoloxía e as ponencias rematarán cunha análise do poema “A festa da patrona de Tabeirón” que nos fará Xosé María Varela.
A continuación, haberá un coloquio entre todos os relatores que se encargará de moderar Jorge Mira Pérez. A xornada continuará pola tarde cunha visita a algúns dos lugares da zona vinculados coa vida e obra de Enrique Labarta Pose.
Grazas á colaboración do Centro de Formación e Recursos da Coruña da Xunta de Galicia, a xornada está certificada con oito horas de formación para todos aqueles docentes que asistan á mesma. Pero esta actividade, organizada polo Concello de Zas co propósito de dar a coñecer un dos escritores máis ilustres do municipio, está dirixida a toda a veciñanza.
Para asistir é necesario anotarse previamente a través do seguinte formulario: https://bit.ly/3rLgdwo ou nos números de teléfono 981 751 398 / 981 718 056. Mentras que o profesorado pode facelo entrando no sistema de xestión da formación do profesorado, FPROFE, da Xunta de Galicia.