A nova praza de Baio xa é a “Praza Jorge Mira Pérez”

06/18/2022
 “Serei baiés toda a miña vida. A moita honra e sempre coa bandeira.” Estas foron as palabras coas que Jorge Mira Pérez rematou o discurso que pronunciou esta mañá na nova praza de Baio con motivo do acto de descubrimento da praca que lle dá nome ao lugar e que a partir de agora pasa a chamarse “Praza Jorge Mira Pérez”.

O nome é xa oficial despois de que hoxe ás 12:00 horas se celebrara na Casa do Concello de Zas un Pleno Extraordinario no que a Corporación Municipal aprobou por unanimidade o nome da praza. Foi un nome acordado entre o BNG e o PP, os dous grupos con representación municipal que se fixo público no mes de xaneiro, pouco despois do acto de inauguración da praza. “Cando inauguramos a praza faltábanos o nome e os dous grupos coincidimos en que Jorge Mira Pérez era a persoa ideal tanto por ser un referente único en numerosos eidos académicos, sociais e culturais;  como polo seu compromiso con Baio, co Concello de Zas, en con toda a Costa da Morte; e tamén polo seu compromiso coa lingua a coa xente”, destacou o Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín. “O único contra co que nos atopamos é que está vivo”, sinalou o rexedor, xa que é pouco habitual que se lle adiquen prazas ou rúas a persoas vivas. Pola súa banda, o portavoz do Partido Popular de Zas, David Gómez, sinalou que “Jorge é a persoa máis axeitada para darlle nome á praza tanto por todos os seus méritos como por presumir sempre de onde e tamén polo feito de que se homenaxee en vida a unha persoa e non a título póstumo, como é o habitual”. 

Descubrimento da praca

Unha vez rematado o trámite oficial, a Corporación Municipal e o propio Jorge Mira Pérez desprazáronse ata nova praza situada no centro de Baio. Tras un breve vídeo no que se visionou a transformación da zona nos últimos anos, chegaron os discursos. Comezou Santiago Garrido, coñecido xornalista, facendo un breve resumo dos méritos do catedrático de electromagnitismo. Jorge Mira destacou pola súas altas notas académicas en todas as etapas educativas, converteuse en catedrático nunha idade récord. Destaca como científico, como investigador, como divulgador e pola súa actividade social, deportiva e cultural tal e como se pode ler no seu currículo vitae que está ao final desta nova. 

O Alcalde de Zas, Manuel Muíño, explicou ante os veciños e veciñas como se tomou a decisión do nome da praza. “Pensamos en Jorge por ser un veciño do noso municipio que ademáis de descatacar polos súas cualidades académicas destaca polo seu compromiso social. Presume da súa vila e do seu Concello nos múltiples actos que participa e sempre está disposto a colaborar”, sinalou Muíño durante o acto.

E logo xa foi a quenda de Jorge Mira. “Tiven moita sorte na miña vida investigadora e académica onde acadei moitos premios. Pero ningún comparable con isto. É alucinante”, sentenciou. Ademais Jorge quixo agradecer a toda a Corporación Municipal do Concello de Zas que tomaran a decisión de forma unánime. 

Durante o seu discurso, Jorge comparou a nova praza de Baio cunha ágora grega; un espazo común no que a xente se reúne e desexou que todos os veciños e veciñas a desfrutaran con saúde. Unha vez rematados os discursos procediuse ao descubrimento da praca que lle dá nome á praza acompañado dun caloroso aplauso de todos e todas os/as asistentes.

Asistentes

Máis de 100 persoas de Baio e toda a comarca participaron no acto. Entre eles estaban amigos e familiares de Jorge Mira que aproveitaron o momento para darlle os parabéns. Tamén asistiron representantes das diferentes asociacións de Baio e de parte do Concello de Zas. E entre os asistentes había representantes políticos de toda a zona, entre os que estiveron o Alcalde de Fisterra, José Marcote; o Alcalde de Laxe, José Luis Pérez; a Tenente de Alcalde de Vimianzo, María José Pose; representantes do Concello de Cabana de Bergantiños; e Rafael Mouzo, ex alcalde de Corcubión. 

Entre os asistentes tamén estaba o Presidente do Seminario de Estudos da Costa da Morte – Semescom -, Xosé Mª Lema, entidade que comunicou a súa adhesión ao acto e que mostrou a súa gratitude por que o Concello de Zas escollera a Jorge Mira Pérez para dar nome á praza de Baio. “Para as persoas que traballamos pola cultura, pola tradición e pola Lingua no ámbito das comarcas da Costa da Morte é un orgullo que unha persoa da talla de Jorge Mira nos represente”. 

A praza

A Praza Jorge Mira Pérez ocupa un espazo de case 6000m2 e está situada en pleno casco urbano de Baio ao carón do paseo fluvial. Deseñouse seguindo as tendencias urbanísticas actuais: 100% accesible, diáfana e sostible. A praza propiamente dita ocupa unha superficie de 1500m2, está construída en forma de U, dispón de diverso mobiliario urbano móbil que a delimita e conta cunha fonte de auga transitable que se fai máis espectácular á noite debido á súa iluminación. 

Tamén se construíu unha zona de aparcamento gratuíta con capacidade para máis de 75 vehículos e unha vía que da continuidade á rúa Herbais da Ponte. Desta forma mellorouse a seguridade e o tránsito do tráfico rodado e peonil da rúa Herbais da Ponte que agora é de sentido único. As zonas verdes ocupan un total de 500m2.

O Concello de Zas investiu un total de 314.988,72€ neste proxecto financiados con fondos propios e sen necesidade de recurrir a ningún préstamo.