Inicio » O Concello » A nosa historia

A nosa historia

restos dolmen

Este concello ten unha notable riqueza megalítica tanto pola abundancia das súas mámoas e antas coma pola importancia dalgunha delas. Tumbas feitas con pedras xigantescas polos nosos antepasados hai 5000 anos. A anta máis coñecida é a Arca da Piosa, en Muíño, en bo estado de conservación e ben estudada.

Polo que respecta á cultura dos castros destaca o recinto de Santo Adrián de Castro, que presenta as formas típicas dun castro no cume dun outeiro.

Así mesmo, a romanización foi tardía, pero bastante intensa. Brandomil, no extremo meridional do municipio foi sen dúbida o asentamento romano máis importante: no curso do Xallas existe un castro romanizado, unha ponte medieval e restos dunha antiga calzada. No Corpus de inscricións romanas de Galicia, Brandomil ocupa un lugar destacado, pois no seu chan atopáronse pedras con letras gravadas. Para os especialistas, os testemuños epigráficos de Brandomil fan supoñer a existencia dun núcleo de poboación procedente de fóra da “Gallaecia” romana. Todas as inscricións son posteriores ao século II despois de Cristo.

Neste municipio hai abundantes nomes xermánicos e tense dito que a propia capital debera grafarse “Sas”, posto que o nome ten a súa orixe na forma “Salas”, procedente do xermánico “sal”. A forma actual sería, pois, unha ultracorreción do seseo. Os asentamentos xermánicos foron particularmente importantes na zona, deixando a súa marca en nomes de lugar tan evocadores como Gomariz, Gontalde ou Vilar Ramilo.

O principal monumento da época medieval é, sen dúbida, a magnífica ponte de Brandomil, seguramente construída sobre bases romanas.