O deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, e o alcade Zas, Manuel Muíño, veñen de asinar en sede provincial o convenio de cooperación para a xestión da atención de visitantes ás Torres do Allo durante o exercicio 2023. En virtude do acordo asinado, a Deputación abonará ao Concello de Zas o importe dos gastos non cubertos por ingreso da actividade, ata un máximo de 50.000 euros.
O Concello de Zas comprométese a abrir o pazo do 7 de xaneiro ata o 30 de decembro e prestar atención ao público durante a súa visita, ademais de levar a cabo outras actividades como a elaboración de un programa de comunicación, o desenvolvemento de obradoiros didácticos, a promoción e xestión de reservas e visitas guiadas.
As Torres abrirán, do 7 de xaneiro ao 14 de xullo, non sendo en Semana Santa, todos os sábados, domingos e festivos de 11 a 19 horas, e de 11 a 20 en Semana Santa. Do 15 de xuño ao 15 de setembro, de luns a venres entre as 11 e as 20, e as fins de semana de 11 a 21. Do 16 de setembro ao 30 de decembro, sábados, domingos e festivos de 11 a 19 horas. E permaneceran pechadas do 1 ao 6 de xaneiro e os días 24, 25 e 31 de decembro.
“O convenio”, explicou Penas, “renova o noso modelo de xestión do patrimonio cultural da provincia, no cal se interrelacionan os aspectos puramente materiais, coma os edificios e as montaxes e expositivas, co obxectivo último de facer do espectador un actor activo e achegar o patrimonio á todo tipo de públicos”. O deputado lembrou que a institución provincial leva nos últimos anos realizando numerosas actuacións encamiñadas á protección, conservación, rehabilitación, musealización e posta en valor das Torres do Allo.