A Carballeira de Baio entra a formar parte do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras

10/31/2022

 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acorda incluír a Carballeira de Baio dentro do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. Con este recoñecemento chega ao seu fin o trámite iniciado no pasado mes de marzo polo Concello de Zas cando se entregou unha detallada relación das especies dominantes así como diverso material que acredita o valor cultural e histórico do lugar.

Precisamente a dendrometría e os aspectos culturais e históricos foron os principais motivos polos que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda catalogou a Carballeira de Baio como unha formación senlleira. Dende agora este é un espazo protexido que conta cunhas medidas especiais de conservación e co recoñecemento oficial do seu valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico e ornamental. Ademais, é o primeiro espazo da Costa da Morte que entra a formar parte deste catálogo no que están incluídos outros corenta lugares de toda a comunidade. 

A Carballeira de Baio ten unha superficie de 9.695 metros cadrados e dende xuño de 2017 é de propiedade municipal despois de que o Concello de Zas mercase os terreos situados ao carón do paseo fluvial da vila. Aínda que se descoñece con exactitude a data exacta da plantación, estímase que a maior parte dos carballos – Quercus robur L. – aquí presentes teñen uns 200 anos atendendo á súa morfoloxía e ás súas dimensións. A Carballeira está formada por case 300 carballos que, nalgún caso, superan os 20 metros de altura. Os seus troncos forman interesantes imaxes que abren a imaxinación de quen os visita e esto débese, en boa parte, a que as árbores medraron de forma natural competindo entre si. Ademais este é un espazo integrado na vida cultural e social da vila xa que ao longo de todo ano este é o punto de encontro de diferentes eventos musicais e deportivos. Pero unha das celebracións máis agardadas é a tradicional Festa da Carballeira de Baio que se celebra o último domingo do mes de xuño dende hai máis de corenta anos. 

Conservación

O Concello de Zas promoviu nos últimos anos diferentes actuacións de conservación neste esapzo. Unha das máis recentes realizouse a pasada primavera e consistiu na poda de saneamento daqueles carballos que máis o precisaban así como a retirada das ramas secas co fin de incrementar a seguridade da zona.

Para o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, “este recoñecemento axuda a garantir a protección e a conservación do lugar para que as nosas xeracións e as futuras podan gozar deste espazo tan singular tanto pola súa beleza como pola súa biodiversidade”.