A campaña anual de trampeo da vespa velutina pecha con 6.335 capturas no Concello de Zas

07/07/2022

 

O pasado 17 de marzo comezou a campaña de trampeo da vespa velutina posta en marcha polo Concello de Zas, a través da empresa de control de pragas Plaguiber. E nos tres meses que durou a campaña capturáronse 6.335 vespas velutinas capturadas; unhas 3.500 vespas asiáticas menos ca no ano anterior a pesar de que no 2022 se incrementou a implicación da veciñanza chegando a ter 400 veciños e veciñas de todo o municipio como colaboradores na instalación de trampas.

Para Isidro Rodríguez, responsable de Plaguiber, estes datos non son illados e son similares aos do resto do país o cal indica que hai unha certa estabilización da praga da vespa velutina. “As medidas impulsadas por concellos coma o de Zas, que leva varios anos facendo a campaña de trampeo, están a evitar que a praga da vespa velutina vaia a máis”, sinala. Para a contención desta especie invasora tamén é imprescindible a colaboración da veciñanza que durante estes meses instalou as trampas co seu correspondente líquido atraínte que se lle facilitou dende o Concello de Zas naqueles puntos máis sensibles.

A campaña de trampeo céntrase nos meses de marzo, abril e maio debido a que ésta é a epoca na que as vespas despertan do seu letargo invernal para construír os niños primarios. Nestas épocas do ano xa están a detectar os niños secundarios que, aínda que son moitos menos ca en anos anteriores, cómpre avisar da súa existencia no número de teléfono 012, da Xunta de Galicia.