Inicio » Zas polo Miúdo » Santa Sía de Roma

Santa Sía de Roma

Santa Sía de Roma (Santa Sía) (+info ampliada) Actualiz. 17/03/2017

POBOACIÓN (2016)

  • Rus 46
  • Santa Sía 33
  • Total: 79 persoas

Trátase dunha parroquia situada na zona oeste do concello, só ten dous lugares (Santa Sía e Rus) e contaba con 79 habitantes no ano 2016.

Santa Sía de Roma é un dos haxiotopónimos -nomes de lugar orixinados polo nome dun santo ou santa- do Concello de Zas. Cómpre aclarar que o haxiotopónimo é só Santa Sía, pois contrariamente ó que se pensaba, este Roma que acompaña o nome da santa non é un topónimo, non é un nome de lugar, senón simplemente un complemento que, contra 1570, se lle engadiu á patroa da parroquia por orde dalgunha autoridade eclesiástica (quizais o propio arcebispo de Santiago). Esta é unha das sorpresas ou novidades que se presentan nesta nova entrega de ‘Zas polo miúdo’. Ata esa data do último terzo do séc. XVI a parroquia só figura nos documentos (en latín, en galego e despois en castelán) co nome da santa a secas: Santa Cecilia, Santa Cecía, Santa Cía ou Santa Sía. A partir de 1570 xa aparece co engadido “de Roma”, que sen dúbida pretendía facer referencia á orixe da santa venerada na igrexa: a mártir romana do séc. III, que despois sería escolleita como patroa da música. En canto ó topónimo Rus, segundo F. Cabeza, é posible que proceda de *(villa) Ruderici ou de Rudericus (‘vila, mansión rural de Rodrigo’).

A súa igrexa parroquial é de estilo barroco, construída no séc. XVIII, e está perfectamente integrada entre as casas, onde destaca o seu alto campanario que preside o conxunto. Do seu interior, cómpre resaltar o retablo maior feito en pedra de granito. O seu principal interese está no material de construción, xa que non son moitos os retablos pétreos no barroco galego de principios do XVIII.

Hai tamén dous cruceiros: o da igrexa, hoxe situado na parte sur do adro (do 1930, segundo a inscrición do pedestal) e o que se atopa nunha praciña no medio do lugar.

A aldea de Santa Sía é un dos sitios máis fermosos do termo municipal. É un dos poucos lugares que por estas comarcas occidentais de Galicia presenta un hábitat agrupado, pois poucas son as casas construídas fóra do núcleo. Conservan, agás excepcións, a súa estrutura tradicional: casas rectangulares de pedra e tellado a dúas augas, algunha delas de cantería, as restantes de cachotería coa cantería reservada para as luces e esquinais.

Esta parroquia pertenceu durante o Antigo Réxime á xurisdición, gobernada polos condes de Altamira, de Vimianzo e, no ano 1842, Santa Sía estivo a piques de ser capital do Concello de Roma, que abranguía todas as parroquias de Zas e boa parte de Vimianzo, tras o acordo de redución de concellos que adoptou a Deputación. O proxecto nunca chegou a realizarse.

 

FESTAS:

  • Luns de Pascoa, Santa Locaia, con procesión arredor do adro
  • 24 de xuño, San Xoán
  • 16 de setembro, Santa Eufemia
  • 22 de novembro, festa da patroa Santa Sía
  • 23 de novembo, San Antonio

 

 

Descargas