As Torres do Allo acollen unha xornada ao redor do liño na que haberá conferencias, un desfile, un concerto, sorteos e degustación

06/30/2022

 

Dentro do programa de actividades de verán organizado polo Concello de Zas, o vindeiro 23 de xullo as Torres do Allo acollen unha “Xornada sobre o liño. Economía Circular” aberta a toda a veciñanza.

A xornada comeza ás 19:00 horas cunha demostración en vivo sobre os diferentes procesos de elaboración do liño. Precisamente o liño e o seu papel dentro da economía circular será o tema sobre o que xiren as diferentes conferencias que poderemos escoitar a partir das 19:30 horas e que estarán presentadas pola xornalista Mónica Martínez. A primeira en falar será Rosa Sánchez e farao sobre “Liño: artesanía, identidade e economía circular”. Continuará Jorge Mira Pérez cun relatorio que leva por título “O futuro na volta ás orixes”. Ricardo García Mira, experto en Psicoloxía Social, falará sobre “O liño na Costa da Morte como elemento de cohesión social e cultural” e rematará Xosé Regueira, Vicepresidente da Deputación da Coruña, co relatorio “O liño tradicionalmente contemporáneo”.

Unha vez rematadas as conferencias, haberá un desfile de moda con pezas de roupa elaboradas de forma artesanal con liño e, a continuación, Antía Muíño ofrecerá un breve concerto de música. As xornadas rematarán cunha degustación de produtos relacionados coa fía do liño e tamén se realizará un sorteo entre todos/as os/as asistentes.

Inscricións

Esta é unha actividade organizada polo Concello de Zas en colaboración coa Asociación “Amigos do Liño” á que poden asistir de forma gratuíta todas as persoas que o desexen. Unicamente será necesaria a inscrición previa que se pode realizar a través do 981 718 056 (Centro Sociocultural de Baio) ou no 981 751 398 (Centro Sociocultural de Zas) en horario de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas.