37º Festa da Carballeira, moito máis que o mellor folk

05/31/2022

Hoxe tivo lugar como vén sendo habitual na Cervexería Estrella Galicia a presentación oficial da Festa da Carballeira, cuxa 37º edición volve tras dous anos sen festa, con máis forza e ganas que nunca. No acto estiveron presentes: Xosé Xurxo Couto, deputado de Cultura e Deporte, Manuel Muíño, alcalde de Zas, Fidel Otero, Director do Festival, Xabier Díaz, artista, Loreto Rodriguez, responsable de medios ganados en Estrella Galicia e Dolores Fernández, xerente de ASPABER.

Según Xurxo Couto: “A actividade cultural está resistindo, e nos desde a Deputación de Coruña estamos ahí para apoiar. Temos un fin que é sempre potenciar a actividade cultural.”

Unha das principais novidades será o cambio de data, que pasa de ser a primeira fin de semana de agosto a segunda. O venres día 12 de agosto a partir das 22h os asistentes poderán desfrutar de grupos 100% galegos da man de A banda da loba, Heredeiros da Cruz e Mileth.

O sábado 13 comezará forte o día a partires das 12h, con diversión para os máis cativos da casa da man de Paco Nogueiras, que dará paso a sesión vermú con Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre. A festa continuará ata a noite da con Os Farrapos, a tradicional Foliada e Arredores. A partir das 22 horas, Deira, Xisco Feijoó,Rura e Sondarúa, farán saltar e desfrutar ós miles de almas que se xuntan tradicionalmente no Velar de Zas dende fai 37 anos.

As entradas xa están a venda e pódese facer a compra anticipada no seguinte enlace: https://www.festadacarballeira.com/entradas/ , con un custo de 15€+gastos de xestión o bono para os dous días, e bono de día individual 8€+gastos de xestión. A venda online estará aberta ata o día 12 de agosto as 15:00h, a venda en taquilla será de 12€ entrada para un so día e 20€ bono para os dous días.

Festa de Interese Turístico Galego

A Festa da Carballeira, dende comezos do ano 2020 foi declarada Festa de Interese Turístico Galego, denominación honorífica outorgado polo Consello da Xunta de Galicia, a festexos ou acontecementos con alto interese turístico.

Festa familiar e gastronómica

Como cada ano, na Carballeira atoparase moito máis ca música. Unha ampla oferta gastronómica, mexilloada de balde para todos os asistentes, unha gran zona infantil con xogos tradicionais, e a sesión vermú, este ano amenizada por Xabier Díaz, que asegurou “faime moita ilusión formar parte dun festival do que durante moitos anos fun escoitante, non minto se digo 20 edicións, e agora tocarei na sesión vermú, nun horario moi familiar ” e Aduferias de Salitre, farán da tarde do sábado o momento perfecto para pequenos e grandes.

Carballeira solidaria e sostible

Un ano máis, parte da recadación da venda de bonos online irá a parar a unha asociación sen ánimo de lucro. Este ano a entidade elixida foi ASPABER, Asociación de pais de discapacitados psíquicos de Bergantiños, representada por Dolores Fernández.

Como cada ano, dende a organización promoverase a conciencia de coidar os entornos naturais, como no que se celebra a festa, por este motivo volveranse a empregar os vasos de plástico reutilizable, que baixa de xeito drástico o consumo de plástico durante eventos coma este.

Un ano máis a Carballeira celébrase grazas ó apoio de patrocinadores como a Xunta de Galicia, Xacobeo, Estrella Galicia, Deputación da Coruña, Concello de Zas, GADIS e vermú Lodeiros.