Continúa a V Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose coa representación dunha traxicomedia

05/06/2022

Mañá sábado temos unha nova cita coa V Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose. Nesta ocasión, a Escola Municipal de AA.EE. da Estrada traénos ao Auditorio de Zas unha traxicomedia baixo o título “Sobre o mal que fai o tabaco”. A representación, de 50 minutos de duración, é no Auditorio de Zas ás 21:30 horas. 

A peza é unha conferencia na que Iván Ivanovich comeza a falar sobre os danos que provoca o tabaco e remata falando sobre as súas miserias e debilidades de forma absurda, cómica e traxica a un tempo. Está dirixida a maiores de 12 anos.

Voto do público

O público ten un papel moi importante neste certame xa que ao final da representación os asistentes poderán valorar a obra de forma anónima cubrindo unha sinxela papeleta. Coa suma de todas as votacións, determinarase a mellor obra valorada polo público que recibirá un premio de 200€ xunto cun trofeo e un diploma acreditativos.