Mañá, 24 de febreiro, arranca o Programa de Actividades deseñado polo Concello de Zas con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller que se celebra o 8 de marzo. Será cun faladoiro sobre a saúde mental e xénero co alumnado da ESO do IES Maximino Romero Lema de Baio. Comezará a iso das 16:30 horas e intervirán Antía Yañez, escritora; Ana G. Liste, xornalista e integrante de Xornalistas Galegas; e José Berdullas, psicógolo.
A maior parte das actividades deste programa especial desenvolveranse nos centros de ensino do noso municipio co fin de sensibilizar á rapazada e fomentar a igualdade de xénero entre os máis novos. Farémolo con diferentes formatos adaptados a cada etapa escolar. Detallámolos a continuación:
“Con-Ciencia de Muller” é o nome da actividade que realizaremos o 6 de marzo no CEPI Labarta Pose (en dúas quendas: as 09:30 e as 11:25 horas) e ao CPI de Zas (14:25 horas). Nela participarán o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria.
Eses mesmo día, realizaremos co alumnado da ESO do CPI de Zas un obradoiro de camisetas personalizadas baixo o título “Creatividade e Igualdade”. Será a partir das 09:20 horas. Ao día seguinte as 10:45 horas, levaremos esta mesma actividade ao IES Maximino Romero Lema na que tamén participará o alumnado da ESO.
Chan pélvico
Tamén o 7 de marzo, realizaremos no Auditorio do Concello un taller sobre o chan pélvico feminino que impartirá Sabela Maseda, da Clínica de Fisioterapia Vértebra. Será a partir das 18:00 horas e nel poderán participar de forma totalmente gratuita todas aquelas mulleres que o desexen independentemente da súa idade. Este é un obradoiro de autocoñecemento e no que nos darán algúns consellos para mellorar o chan pélvico e previr patoloxías relacionadas co mesmo.