As bibliotecas municipais de Zas prestaron máis de 950 libros ao longo do ano pasado

02/22/2025

As cifras das Bibliotecas Municipais do Concello de Zas seguen en aumento. As dúas bibliotecas, a de Zas e a de Baio, rexistraron ao longo do 2024 máis de 950 préstamos gratuítos de libros. Unha cifra superior á dos anos anteriores.

Tamén aumentou o número de persoas que fan uso deste servizo, xa que a finais do ano pasado había un total de 400 socios e socias dos cales máis de 100 foron prestameiros activos. 

Este é un servizo gratuíto para toda a veciñanza e para facer uso del é necesario ter o carné de usuario/a que se pode realizar de forma instantánea en calquera das dúas bibliotecas. As dúas están incluídas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia o cal permite, entre outras cousas, consultar os materais dispoñibles que en total son máis de 11.200 títulos de diferentes formatos e idiomas. Esta consulta pode realizarse a través da seguinte ligazón: https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/

Ler Conta Moito

As bibliotecas do Concello de Zas están incluídas dentro do programa de dinamización da lectura “Ler Conta Moito”, promovido pola Xunta de Galicia, a través do cal o Concello de Zas promove a lectura entre a rapaza cun programa de contacontos infantís que teñen como convidados especiais aos “Ratiños de Lonxedetodo”.