O Centro Sociocultural de Baio estrea unha nova área para exposicións con dúas mostras fotográficas sobre o noso municipio

02/21/2025

O Concello de Zas vén de habilitar un novo espazo para exposicións que está situado na pranta baixa do Centro Sociocultural de Baio. Nace co propósito de ofrecer este espazo a todos aqueles artistas que queiran mostrar a súa obra así como tamén para acoller diferentes mostras informativas que poidan ser de interese. Tamén se prevé que este se convirta un lugar de visita para a veciñanza e para os centros de ensino.

A nova área estreouse con dúas exposicións fotográficas sobre o noso municipio. “O Baio Antigo”, de Alberto Villar, é unha mostra que está composta por dez fotografías realizadas en Baio e nas que se poden ver como eran hai anos as rúas da vila, as súas festas e outros acontecementos relevantes. Este mesmo espazo acolle tamén a exposición “Patrimonio de Zas”, de Santiago Garrido e na que a través de dez imaxes percorremos algúns dos elementos patrimonais máis relevantes do Concello de Zas como a Ponte de Brandomil, as nosas carballeiras, dolmens,…

Este espazo expositivo está aberto ao público de luns a venres en horario de 15:30 a 20:30 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas.