O Concello de Zas segue a dar pasos para a difusión e posta en valor da figura e da obra de Enrique Labarta Pose. Nesta ocasión, será coa presentación de “O Poeta da Terra”; un libro dirixido ao público infantil que se presentará o vindeiro 26 de outubro nun acto que terá lugar ás 17:00 horas no Auditorio de Baio.
Durante a presentación do exemplar intervirán Jorge Mira Pérez, en calidade de presidente da Comisión Enrique Labarta Pose; Enrique Mauricio e Carlos Taboada, autores do libro; e Manuel Muíño, Alcalde de Zas. O acto estará guiado por Tania Carreira, técnica do Concello de Zas.
“O Poeta da Terra” é unha pequena biografía de Enrique Labarta Pose na que tamén se inclúen algúns dos seus poemas máis relevantes. Ten un formato moi vistoso, con ilustracións de Tania Solla, e está incluído dentro da colección de literatura infantil sobre personaxes galegos de Lela Edicións.
Este é un acto organizado polo Concello de Zas aberto a todos os públicos.