Esta mañá presentouse nas Torres do Allo a xornada “Co liño e cos tempos” que terá lugar o vindeiro 21 de setembro a partir das 17:00 horas no xardín das Torres do Allo.
Manuel Muíño, en calidade de Alcalde de Zas e tamén representando á Deputación da Coruña, foi o encargado de presentar estas xornadas organizadas pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Zas, da Universidade da Coruña e da Asociación “Amigos do Liño”. O rexedor recalcou a importancia que ten este evento para o municipio e animou a toda a veciñanza a asistir. Na xornada haberá diferentes relatorios impartidos por expertos universitarios que analizarán o liño dende diferentes puntos de vista. Tamén haberá un desfile de prendas de liño, unha pequena parodia teatral, unha actuación musical e pecharanse cunha degustación de viandas que se facían tradicionalmente durante os fiadeiros. Pola súa banda, Carmen Riveiro, Presidenta da Asociación Amigos do Liño; debullou o programa desta xornada e recordou que a entidade que preside leva 31 anos organizando un evento ao redor do liño cun formato que, tal e como sinalou o Alcalde, “foi evolucionando cos tempos”.
Durante a presentación tamén interviu Braulio Pérez Astray, doutor en Economía Aplicada e Director adxunto da Fundación Universidade da Coruña; quen destacou a importancia deste evento para toda a sociedade.
Inscricións
Para asistir á xornada, que é totalmente gratuíto, é necesario anotarse previamente en calquera dos números de teléfono 696 268 923, 665 055 101 ou no 981 71 80 56. O prazo remata o 15 de setembro.