Despois dun intenso verán con actividades de ocio e culturais para toda a veciñanza, o vindeiro 31 de agosto pechamos a programación “Verán en Zas” coa tradicional romaría de San Ramón que celebramos nas inmediacións do pazo das Torres do Allo.
Ao igual que nos últimos anos, o Concello de Zas en colaboración coa Deputación da Coruña deseñou un programa completo de actividades para que a nosa veciñanza, así como todas aquelas persoas que nos visiten, desfruten desta gran festa. Durante todo o día, dende as 11:00 e ata as 19:00 horas, contaremos con diferentes postos de artesanía da zona nos que atoparemos xoias, prendas de liño, instrumentos musicais, cestos, complementos,… e moitos máis produtos realizados de forma artesanal. Na romaría de San Ramón non faltará a música e ás 14:30 horas teremos unha actuación musical da man de ALANA; un grupo que mistura a música tradicional galega con ritmos contemporáneos de base electrónica e pop. A música daralle paso ás merendas de campo, e para iso o Concello de Zas habilitará un espazo para todas aquelas persoas que o desexen.
Esta é unha romaría para toda a familia polo que para a rapazada tamén deseñamos unha serie de actividades. Pola mañá, ás 12:00 horas, realizaremos un obradoiro de barro no que é preciso anotarse previamente (981 75 13 98 / 981 71 80 56). E xa pola tarde, a iso das 17:00 horas realizaremos unha xincana infantil que lle dará paso ao concerto de Pako Pakolas que nos traerá o seu espectáculo “Rockeando coa Ramona pequena).
Pecharemos a romaría coa actuación da banda de música LAVIANA, que será a partir das 19:00 horas.
Ide facendo plans!