Iniciada a IV fase das escavacións na Pedra do Altar de Brandomil

08/23/2024

Unha vez obtidos os permisos pertinentes, o Concello de Zas vén de iniciar unha nova fase de escavacións na finca Pedra do Altar de Brandomil. Baixo a dirección de Lino Gorgoso, un equipo de arqueólogos están estes días a realizar os traballos correspondentes á IV Fase deste ambicioso proxecto posto en marcha polo Concello de Zas coa colaboración da Fundación Brandomil. 

Son moitos os veciños e veciñas, así como turistas, os que se achegan estes días ata a zona para observar o avance dos traballos. Ata alí tamén foron o Alcalde de Zas, Manuel Muíño; e o Tenente de Alcalde, José Brenlla, onde puideron comprobar que as primeiras impresións desta fase son moi positivas. Tal e como sinalan os expertos, o obxectivo é ampliar e delimitar a domus romana, de enormes proporcións, identificada nas escavacións que se levaron a cabo o verán pasado. Ao mesmo tempo, nesta fase tamén está previsto decapar toda a superficie da finca da Pedra do Altar, facer a consolidación dos muros e secuenciar as dúas vías romanas atopadas nos últimos anos. 

Esta é unha nova aposta do equipo de Goberno do BNG de Zas que acreditan o compromiso do Concello co patrimonio e que se suman aos case 100.000 euros investidos coas arcas municipais nas diferentes actuacións realizadas nos últimos anos co fin de conservar, protexer e poñer en valor a riqueza arqueolóxica de Brandomil. 

Entre os principais achádegos destas intervencións están un tramo do Camiño Real que unía Negreira con Muxía, e que está situado áo carón da ponte vella; xunto coas importantes estructuras que se están a descubrir na Pedra do Altar que segundo as probas de Carbono-14 corresponden ao século I e comezos do II da nosa Era.