Unha das novidades da campaña comercial do “Punto Rojo” organizada polo Concello de Zas e que se celebra en Baio os días 23, 24 e 25 de agosto é a I Xornada Canina que terá lugar durante a mañá do domingo, día 25, na praza Jorge Mira Pérez.
Este é un evento organizado polo Concello de Zas en colaboración coa Aselcre – Asociación de Centros Legales de Cría y Cuidado Responsable – que reunirá a un gran cantidade de amantes e criadores de cans. A xornada comezará cunha exhibición de exemplares procedentes de profesionais da cría que serán valorados por xuíces para a clasificación no campionato galego Ascelcre/Expogal. A xornada tamén inclúe o 1º concurso canino aberto a todas as persoas que desexen participar co seu can. Todos os participantes recibirán un agasallo por participar e ademáis sortearánse entre todos eles agasallos donados por distintas casas comercias. Para poder participar é necesario anotarse previamente no Centro Sociocultural de Baio (981 718 056), a través do formulario https://bit.ly/concursocaninocostadamorte ou tamén o mesmo día do evento na Praza Jorge Mira.
Manuel Muíño, Alcalde de Zas, destaca que esta é unha iniciativa singular e que atraerá unha gran cantidade de público de toda a comarca coincidindo coa campaña de promoción do comercio local do “Punto Rojo”. Ademais deste concurso canino, as persoas que visiten a vila durante os días 23, 24 e 25 de agosto atoparán grandes descontos nos comercios, poderán facer unha ruta de pinchos, moita animación nas rúas, un tren turístico e ademáis participar no sorteo de 1.400€ en premios.