A Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación da Coruña chega a Praza Jorge Mira Pérez

05/24/2024

Cun formato novedoso e unha montaxe moi vistosa, a Federación Galega de Balonmán desembarcou na Praza Jorge Mira Pérez; o obxectivo: promocionar un deporte que está a ter un crecemento exponencial dende o inicio desta iniciativa, que xa está na súa segunda edición. 

Dende a tarde do venres ata a o sábado celebraranse os encontros que decidirán os equipos que disputarán a fase final o domingo pola mañá. Un total de dezaoito equipos, divididos en dúas categorías (alevín e benxamín) participarán nesta proba, que conta con seis equipos propios do municipio e outros que acudirán dende municipios coma Santa Comba, Cerceda, Abegondo, Culleredo,…

A Federación Galega de Balonmán, durante  o mes de maio, estivo a realizar promoción da actividade nos diferentes centros educativos do concello, dentro das horas de educación física; a intención da federación é que os nenos e nenas coñezan este deporte e se poidan crear novas escolas en cada municipio onde se celebre esta Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación da Coruña.

O sábado dende as dez ás doce do mediodía celebrarase unha xornada de portas abertas na que poderá participar calquera rapaz/a que se achegue á Praza Jorge Mira.

O domingo, sobre as 13:30 horas, para entrega de premios, a organización espera contar co deputado provincial de deportes D. Antonio Leira, o alcalde do concello de Zas, Manuel Muíño, o tenente alcalde José Brenlla e o presidente da Federación Galega de Balonmán Bruno López.

O Concello de Zas, sumase así a A Coruña, Negreira e Sada, municipios onde xa se celebrou neste 2024 a Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación da Coruña; e aos lle seguirán: Oroso, Cedeira e Ribeira.