Enrique Labarta Pose regresa a Pontevedra coa súa Antoloxía Poética

05/23/2024

 

O salón de actos da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra acolleu onte a tarde a presentación da “Antoloxía Poética” de Enrique Labarta Pose. Pontevedra foi unha das cidades elexidas para dar a coñecer unha parte da súa obra por ser un lugar co garda unha estreita relación xa que segundo indicou Mercedes Bará, autora de múltiples artigos sobre Labarta, aquí viviu uns dez anos da súa vida. 

A “Antoloxía Poética” de Enrique Labarta Pose que recolle 40 poemas escritos en lingua galega e de temática moi diversa saíu á rúa o pasado mes de febreiro. O libro foi editado por Xosé María Rei Lema e por Xosé Manuel Varela Varela e forma parte da colección Letras Galegas da Editorial Galaxia que publicou en colaboración co Concello de Zas. 

Ao acto tamén asistiu o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, quen falou do camiño que se está a percorrer para dar a coñecer a figura de Labarta Pose e que no último ano tivo un maior impulso coa posta en marcha de diversas accións entre as que está a presentación deste libro. “A presentación de hoxe é un chanzo máis para que se coñeza a figura de Labarta e para que a Real Academia Galega lle adique o seu propio Día das Letras Galegas”, sinalou o rexedor. Muíño que tamén recordou que no 2025 cúmprense 100 anos do seu pasamento “polo que sería unha data moi acaída para o seu recoñemento”.

Os propios editores da “Antoloxía Poética”, Xosé María Rei Lema e Xosé Manuel Varela Varela, fixeron durante a presentación un repaso da vida de Labarta, unha análise dalgunha das súas obras para poñer de manifesto a calidade da súa obra, e deron conta da importancia que tivo na súa época. Durante o seu paso por Pontevedra participou de forma moi activa na actividade cultural da cidade e tivo unha estreita relación con destacados persoeiros. Precisamente entre o público asistente á presentación de onte estaba Marina Pintos-Fonseca, neta de Javier Pintos Fonseca, con quen Labarta gardou unha amizade, e Amancio Landín, familiar de Prudencio Landín.

Encargouse de pechar o acto o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García,  que comezou a súa intervención destacando o mérito do Concello de Zas por poñer a Enrique Labarta Pose no gran escaparate da literatura galega e candidatalo á gran festa das Letras Galegas. “Merece o seu propio Día das Letras Galegas e por iso quería estar hoxe aquí para demostrar que Labarta é un grande autor”, sinalou Valentín García durante a súa intervención.

Tras a presentación da “Antoloxía Poética” algúns dos asistentes visitaron a rúa que leva o nome de Enrique Labarta Pose.