Comeza en Zas unha nova campaña de trampeo contra a vespa velutina que se prolongará ata maio

03/01/2024

Cerca de cen veciños e veciñas de todo o municipio asistiron esta mañá á presentación da nova campaña campaña de trampeo da vespa velutina posta en marcha polo Concello de Zas por sétimo ano consecutivo.

Ademais dunha charla informativa impartida por Isidro Rodríguez, responsable da empresa encargada da campaña (Plaguiber), repartiuse entre os asistentes dúas trampas (reutilizables) e o líquido atraínte para toda a campaña que se prologará ata o mes de maio. A finalidade é entre todos e todas capturar nestes momentos o maior número de raíñas, aproveitando que están a despertar do seu letargo, e reducirse así o maior número de niños. Precisamente na campaña do ano pasado capturáronse en todo o Concello un total de 15.000 raíñas grazas á colaboración da veciñanza.

O Alcalde de Zas, Manuel Muíño, agradeceu durante a presentación desta mañá a colaboración dos veciños e veciños para frear esta praga coa que o Concello de Zas leva loitando durante sete anos consecutivos. “Fomos uns dos primeiros concellos da Costa da Morte en facerlle fronte a este problema que afecta a toda Galicia”, sinalou o rexedor. Todos aqueles veciños e veciñas que o desexen poderán recoller nos próximos días as trampas e o líquido atraínte correspondente. Para iso deberán chamar previamente ao 981 751 398 ou achegarse ata o Centro Sociocultural de Zas en horario de luns a venres.

Xunto co reparto de trampas e líquido atraínte entre a veciñanza, o Concello de Zas instalará nos vindeiros días outras 80 trampas naqueles puntos máis sensibles do municipio: zonas escolares, paseos fluviais, Torres do Allo,… 

Retirada de niños

Segundo sinalan os expertos, coa chegada da primavera comezarán a aparecer os niños primarios polo que as persoas que os localicen deberán chamar ao número de teléfono da Xunta de Galicia (012) para a súa retirada.