O vindeiro 31 de xaneiro ás 12:00 horas terá lugar no Claustro Alto do Colexio de Fonseca, situado na Rúa do Franco de Santiago de Compostela, a inauguración da exposición “Enrique Labarta Pose a pluma da terra”. No acto intervirán, entre outros, o Alcalde de Zas, Manuel Muíño; o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz; e Jorge Mira Pérez, portavoz da Comisión Enrique Labarta Pose e comisario da exposición.
Dende ese momento todas aquelas persoas que se acheguen ata o Colexio de Fonseca poderán afondar sobre a vida e obra de Enrique Labarta Pose a través dos oito paneis con fotografías e textos explicativos que compoñen a mostra. A exposición poderase visitar ata o 1 de marzo en horario de luns a venres de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas.
Esta exposición itinerante percorreu diferentes lugares de toda a provincia, principalmente centros educativos, co fin de dar a coñecer a figura de Enrique Labarta Pose. Esta actividade sumase ás diferentes iniciativas levadas a cabo polo Concello de Zas, en coordinación coa Comisión Enrique Labarta Pose, nos últimos anos.