Un total de 29 obras optan a participar na VI Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose

04/03/2023

 

O xurado da VI Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose, formado por membros do Concello de Zas e do grupo de teatro Badius, xa está a visualizar as 29 obras de teatro que optan a participar nesta edición na que se repartirán 3.500 euros en premios. 

Das 29 obras recibidas o xurado elixirá cinco finalistas de cinco compañías/grupos de teatro afeccionado diferentes e que se representarán os días 15, 22 e 29 de abril e 6 e 13 de maio repartidas nos Auditorios de Zas e de Baio. Lugo, As Pontes, Santiago de Compostela, A Coruña, Pontevedra, Vedra, Vigo, Teo, Ferrol, Coles (Ourense), Mugardos, Narón, Cambre, Corcubión, Tomiño, Ares e Nigrán son algúns dos lugares dende onde chegan as obras de teatro que, na súa maioría, pertencen ao xénero da comedia.

Este é un certame organizado polo Concello de Zas, a través do seu departamento de cultura, que ten como propósito fomentar o teatro amateur feito en galego.