Nas próximas semanas xa se poderán visitar os restos arqueolóxicos achados na Pedra do Altar, en Brandomil

03/03/2023

Nas próximas semanas quedarán ao descuberto para a súa visita as escavacións arqueolóxicas realizadas nos últimos meses na finca da Pedra do Altar, en Brandomil, nas que se descubriron varias estruturas altoimperiais do século I da nosa Era entre as que se atopan unha Vía Romana, unha construción con tres estancias e un pavimento que probablemente se corresponda cunha praza ou unha rúa da época.

Precisamente esta semana, o equipo de arqueólogos, dirixidos por Lino Gorgoso, retomou os traballos de consolidación e protección temporal dos restos propostos polo Concello de Zas despois de recibirse a autorización por parte da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. O Concello de Zas presentou o 14 de decembro do 2022 a proposta de conservación e protección da zona na que se contempla unha intervención mínima co fin de continuar coas escavacións nun futuro próximo.

As tarefas que se están a realizar consisten na limpeza da parcela escavada, duns 155 m2, e no peche da mesma co fin de consolidar e protexer as estruturas dos muros e chans das edificacións exhumadas así como para o control da auga sobre a zona escavada. Ademais, acondicionarase unha zona de aparcadoiro. Ata alí achegouse onte o Alcalde de Zas, Manuel Muíño.

Todos traballos realizados ata o momento están financiados polo Concello de Zas despois de que asinara un convenio de colaboración coa Fundación Brandomil, propietaria do terreo. Esta é unha nova iniciativa posta en marcha polo equipo de goberno municipal co fin de conservar e poñer en valor a riqueza patrimonial do Concello de Zas.