Aberto o prazo para participar na VI Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose na que o Concello de Zas repartirá 3.500 euros en premios

03/01/2023

Por sexto ano, o Concello de Zas a través do seu departamento de Cultura organiza a Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” na que se repartirán 3.500€ en premios co fin, por unha parte, de fomentar as artes escénicas afeccionadas e, por outra, o teatro feito en Galicia e en galego. 

As inscricións para participar nesta sexta edición do certame están abertas ata o próximo 28 de marzo. As bases do certame, a documentación requerida e as fichas de inscrición poden descargarse no Tablón de Anuncios da Sede Electrónica do Concello de Zas a través da seguinte ligazón: https://sede.concellodezas.org/sxc/es/informacion/tablon/2023/ANUNCIO_PROG_20230228123000174.html

Na VI Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose poden participar todas aquelas compañías e/ou grupos de teatro afeccionado galegas. Un xurado formado por membros do Concello de Zas e do grupo de teatro Badius será o encargado de elixir as cinco obras finalistas que se representarán os días 15, 22 e 29 de abril e 6 e 13 de maio. Os lugares de representación serán o Auditorio Municipal de Zas e o Auditorio Municipal de Baio e o 21 de maio terá lugar o acto de entrega de premios. 

Premios

O Concello de Zas repartirán un total de 3.500€ en premios que se distribuirán da seguinte maneira:

  • Premio á mellor obra elixida polo xurado: 900€, trofeo e diploma acreditativo
  • Premio á segunda mellor obra elixida polo xurado: 800€, trofeo e diploma acreditativo
  • Premio á terceira mellor obra elixida polo xurado: 700€, trofeo e diploma acreditativo
  • Premio á cuarta mellor obra elixida polo xurado: 500€, trofeo e diploma acreditativo
  • Premio á quinta mellor obra elixida polo xurado: 400€, trofeo e diploma acreditativo
  • Premio á mellor obra elixida polo público: 200€, trofeo e diploma acreditativo

O mellor actor e a mellor actriz tamén recibirán cadanseu trofeo e diploma acreditativo.

A continuación podedes descargar os anexos en formato editable.