As bibliotecas do Concello de Zas prestaron máis de 900 libros durante o ano pasado

01/12/2023

 

A rede de Bibliotecas Municipais do Concello de Zas – formada pola Biblioteca Municipal de Zas e a Axencia de Lectura de Baio – realizaron ao longo do ano 2022 un total de 900 préstamos gratuítos de libros. 

Ano tras ano estas cifras van en aumento así como tamén as relativas ao número de usuarios e usarias e no último ano inscribíronse neste servizo 40 novas persoas tanto do noso municipio coma doutros da contorna. En total o número de socios e socias das dúas bibliotecas supera os 350; dos cales máis de 100 son prestameiros activos. 

A rede de bibliotecas do Concello de Zas conta con máis de 9.500 títulos de diferentes formatos e idiomas; uns fondos que se incrementan todos os anos. Ademais, as bibliotecas do Concello de Zas están incluídas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia o cal permite, entre outras cousas, consultar os nosos materiais dispoñibles a través da seguinte ligazón: https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/

Contacontos infantís

As bibliotecas do Concello de Zas están incluídas dentro do programa de dinamización da lectura “Ler Conta Moito” e durante todo o ano organizamos diferentes sesións de contacontos infantís a través dos cales fomentamos a lectura entre os máis novos a través da música e dunhas divertidísimas historias que nos contan os ratiños de Trinke Trinke Teatro. 

E precisamente os ratos de Lonxedetodo traerannos proximamente unha nova sesión de contacontos infantil que leva por título “Un invento para chegar ao ceo”. Serán o 23 de xaneiro na Axencia de Lectura de Baio e ao día seguinte, o 24, na Biblioteca Municipal de Zas. As sesións comezan sempre ás 18:00 horas.