III Premios Fouciño

O festival de curtametraxes terá lugar o 30 de xuño e durante a semana previa desenvolverase un programa de actividades paralelas.

 

A terceira edición dos Premios Fouciño converterá a Baio, unha vez máis, na capital do sector audiovisual durante a última semana do mes de xuño. O alcalde de Zas, Manuel Muíño; o concelleiro de Cultura, Manuel García; e os coordinadores do certame, entre os que figuran un grupo de mozos e mozas de Baio e arredores, anunciaron a posta en marcha dunha nova edición dos Premios Fouciño na que contarán tamén coa colaboración da Deputación da Coruña.

Así, durante a última semana do mes de xuño desenvolverase un programa de actividades paralelas relacionadas co sector audiovisual que culmina o 30 de xuño cun festival de curtas, tal e como se vén facendo en edicións anteriores. Manuel Muíño destaca a relevancia deste certame de curtametraxes que, pese a súa curta idade, “conseguiu converterse nun referente no eido audiovisual tanto dentro como fóra da Costa da Morte”.

Os Premios Fouciño teñen como obxectivo premiar os dotes técnicos, artísticos e creativos tanto dos estudantes como de todas aquelas persoas interesadas na creación audiovisual así como para axudar a incrementar a presenza da lingua galega na rede.


Categorías

A participación divídese en dúas categorías; unha para centros de ensino e outra aberta para o público en xeral. En calquera dos dous casos a temática é libre e as pezas deberán ter unha duración máxima de cinco minutos e ser en galego ou posuír os subtítulos en galego. O prazo de inscrición na III edición dos Premios Fouciño comeza ao día seguinte da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia – que será nos vindeiros días – e remata o 31 de maio de 2018.

Entre todas as pezas presentadas na categoría libre seleccionaranse dez curtametraxes finalistas e outras tres de reserva. No caso da categoría para centros de ensino, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos, pasarán á final todas as curtas presentadas.

O xurado da III edición dos Premios Fouciño estará composto por un representante do Concello de Zas, dous representantes do mundo audiovisual e da comunicación e dous representantes do movemento asociativo da Costa da Morte.


Premios

En total, repartiranse 1.000 euros en premios; dos cales, 300€ son para a categoría dos centros de ensino e 700€ para a categoría aberta. Ademais, os gañadores recibirán un trofeo. O público tamén poderá emitir a súa valoración das curtas participantes no certame e o traballo máis votado recibirá un trofeo.


Programa

O pasado 21 de maio, presentouse nas Torres do Allo a III edición dos Premios Fouciño que chega acompañada dun completo programa de actividades con obradoiros, unha mesa redonda en clave feminina, proxeccións, entrega de premios e un concerto ao aire libre. Todas elas son actividades de acceso gratuíto e aberto a todos os públicos e que axudarán a que os Premios Fouciño se convirtan nunha referencia para o sector audiovisual galego.

O certame arrinca cunha semana do audiovisual que se desenvolverá entre o 25 e 29 de xuño e na que se proxectarán distintas pezas audiovisuais entre as que están Pelegrinaxes; unha longa de Simone Saibene baseada nun libro de Otero Pedrayo; a película Historia dun satélite, na que as irmáns Also Sisters misturan comedia, ciencia-ficción e cine bélico; Costa da Morte de Lois Patiño; Fóra, colectivo na que se narran os fitos da loita contra a contaminación ambiental das multinacionais, as curtas Deuteronomio (de Marta Piñeiro) e Escarabana de Sara Casasnovas e e a premiada Matria, de Álvaro Gago.

Xa o sábado, 30 de xuño, será o día grande dos Premios Fouciño e no que veremos por Baio a moitos dos referentes actuais no panorama audiovisual galego, entre eles Santi Romay, padriño da III edición dos Premios Fouciño. A programación do día 30 arrinca con dous obradoiros (un deles infantil e outro para público maior de 50 anos) e unha mesa redonda feminina composta polas irmáns Also Sister, por representantes da productora audiovisual Illa Bufarda, e por Laura Santos; unha veciña de Baio que vén de gañar a II ediciónda bolsa Nacho Mirás cun documental web sobre os mercados tradicionais galegos e que leva por título Feira. Ao longo da tarde proxectaranse as curtas participantes no concurso e xa entrada a tardiña terá lugar a entrega de premios. O certame remata cun festival de música no que estarán grupos galegos como Músculo, The Fakes, Mounqup, Igmig e Soulmacklein (antes Delahoja). Todos eles traerán a Baio unha música alternativa na que se misturarán ritmos como a electrónica, soul, jazz, reagge,…

A terceira edición dos Premios Fouciño está organizada polo Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, xunto cun grupo de colaboradores e colaboradoras de Baio e arredores. Así, durante a rolda de prensa da presentación, o alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, agradeceu o traballo destes voluntarios e asegurou que o goberno municipal apoia as inquedanzas culturais dos nosos veciños e veciñas das que nacen certames como os “Premios Fouciño que pon ao Concello de Zas dentro da Costa da Morte e á propia Costa da Morte dentro do panorama audiovisual galego”. Nesta liña, Muíño asegurou que o Concello de Zas traballará para que festival se consolide e camiñe cara o futuro acadando éxitos como o fixo nas anteriores edicións. Na presentación do festival tamén estivo Santi Romay, o actor malpicán que declarou “estar encantado” por ser o padriño dos Premios Fouciño 2018. Santi, que se iniciou a súa traxectoria con só 13 anos na serie Mareas Vivas da TVG é agora un referente no sector audiovisual galego e que vén de recoller o premio ao Mellor Actor Protagonista dos XXI Premios de Teatro María Casares polo seu papel na obra “O tolleito de Inishmaan”. Santi Romay confirmou a súa asistencia ás distintas actividades programadas para o sábado 30 de xuño. Mabel Montes, en representación do grupo de colaboradores, tamén estivo presentación desta mañá quen destacou que “cos Premios Fouciño queremos que a xente se diverta, ofrecer unha alternativa de ocio sen perder de vista a perspectiva social”. Mabel tamén agradeceu o compromiso do Concello de Zas por asumir a organización deste festival.

Descargas

Compartir: