Manifesto 8M

O día 8 de marzo celébrase o día internacional da muller. Con ocasión de dita celebración  realizamos unha reivindicación a prol dunha igualdade real e efectiva da muller, que si ben é unha labor a realizar tódolos días do ano, se visibiliza neste día a través de distintos actos por parte de diversas institucións e polas distintas mulleres e homes que loitan para alcanzar este dereito, co fin de que remate a violencia machista, o teito de cristal, a brecha salarial e as dobres xornadas que veñen sufrindo as mulleres en tódolos ámbitos.

Este ano queremos visibilizar a dobre xornada que sofren moitas mulleres traballadoras, quen, en moitos casos, asumen as labores do fogar, a educación e coidado das fillas e fillos e ademais traballan fora da casa aportando cartos para asumir os diferentes gastos da economía familiar.

A pesares de que se están a aprobar diversas medidas en materia de conciliación, que veñen sendo solicitadas maiormente polas mulleres, o certo é que parece que queda un largo camiño por percorrer.

Así, a posibilidade da redución da xornada para o coidado de fillas ou fillos ata os 12 anos de idade, ou persoas discapacitadas que non desempeñen unha actividade retribuída, leva aparellada a correspondente redución do salario, e si ben se mantén a base de cotización no 100% nos dous primeiros anos, o resto do tempo cotízase en función do salario que se percibe polo que no caso de manterse a redución da xornada durante máis de dous anos a cotización será en función do salario o que pode supor a percepción dunha pensión de xubilación máis reducida. Tendo en conta que este dereito é utilizado maiormente polas mulleres, quen en moitos casos tamén teñen un salario menor que moitos homes, temos como resultado que as pensións de xubilación das mulleres podan ser moi inferiores ás dos homes.

Por outra banda, como novidades destacamos a posibilidade de solicitar as adaptacións da duración e distribución da xornada de traballo, na ordenación do tempo de traballo e na forma de prestación, incluída a prestación do seu traballo a distancia, para facer efectivo o seu dereito á conciliación da vida familiar e laboral. No caso de que teñan fillas ou fillos, as persoas traballadoras teñen dereito a efectuar esa solicitude ata que as fillas ou fillos cumpran 12 anos.

No Concello de Zas existe como instrumento para facilitar o asesoramento en materia de igualdade o Centro de Información á Muller que esta atendido por profesionais especializadas en igualdade de oportunidades e en violencia de xénero e que ten coma unha das funcións, entre outras, o asesoramento xurídico laboral ás mulleres.

Centro de Información á Muller do Concello de Zas

Compartir: